PASEO DA FERRADURA




              O paseo da Ferradura constitúe, xunto coa Alameda, un dos principais conxuntos e espazos verdes da cidade de Santiago de Compostela. Situado na parte sur da cidade, conta cunha longa historia asociada á propia historia da cidade, especialmente desde que Xelmírez levantou no alto do outeiro a igrexa de Santa Susana no século XII. Esta longa historia fai que conte con numerosos elementos do patrimonio histórico, artístico e mesmo vexetal. 

        A configuración deste espazo como parque e lugar de lecer tivo a súa orixe a mediados do século XVI, cando o conde de Altamira doou os terreos á cidade. Desde ese momento, foise enriquecendo cunha flora ornamental singular e co aprecio da poboación santiaguesa, que non dubidou en empregar as súas áreas como lugar de pasatempo e celebracións. Temos algunha mención sobre isto en documentos do século XVIII (ano 1753), referíndose ao paseo que une o casco vello coa igrexa de Santa Susana, “poboado de carballos en dúas filas a cordel e asentos de cantería nos que poden acomodarse máis de cen persoas”.
        En canto ao Paseo da Ferradura en concreto, a súa orixe remóntase á primeira metade do século XIX. En 1837, o Concello decidiu facer unha división entre a Alameda e o que posteriormente foi o Paseo da Ferradura, dándolle entidade propia dentro do conxunto. A ordenación e configuración deste espazo estivo relacionada coa expansión das cidades modernas, necesitadas da construción de parques públicos e ensanches; no caso de Santiago, este parque público foi o conxunto do Paseo da Ferradura e a Alameda.
        Na súa orixe, e seguindo a moda do momento, o parque estaba pechado por reixas. As obras comezaron en 1835 seguindo as pautas do Romanticismo. Para contribuír á súa ornamentación instaláronse na súa entrada uns pequenos templos clásicos, que posteriormente serían trasladados ao inicio do Paseo da Ferradura. Dous anos despois, en 1837, tivo lugar a división que lle deu entidade propia á Ferradura. Esta división realizouse mediante seis pilastras de pedra, sostendo un vaso cada unha, separadas por unha reixa de ferro.
        A Alameda contou con reformas ao longo deste tempo. Quizais a máis importante foi a construción do Paseo da Ferradura da que viñemos falando e a habilitación do Paseo de Bóveda, pois implicou a transformación da súa estrutura inicial. O maior reto destas reformas foi superar o desnivel, pois non debemos esquecer que Alameda e Ferradura están situados no outeiro de Santa Susana. A progresiva nivelación supuxo a maior transformación da zona. Para salvar este desnivel recorreuse escaleiras como as que ascenden da Ferradura á igrexa de Santa Susana.
Escalinata que subre da Ferradura á igrexa de Santa Susana. DÍAZ, C. (coord.) (2000): A memoria de Santiago. Vigo, p. 70.
          En 1885 tiveron lugar os cambios máis importantes. A reixa que circundaba este espazo foi eliminada, e os dous pequenos templos de estilo clásico que estaban a carón da Porta Faxeira foron trasladados a onde están na actualidade: ao comezo do Paseo da Ferradura (como se pode ver na pintura da exposición). Son estes templos e as estatuas de león que sosteñen no alto os que fan que o Paseo da Ferradura sexa tamén coñecido polo “Paseo dos leóns”. Tanto os templos como os leóns están realizados en granito, mirando cada león a un dos lados da entrada ao paseo que conforman estas estruturas. O proxecto inicial fora realizado por D. Julián Pazos en 1835, e executados polos canteiros J. Portela e J. Benito Marrazo.

 Templetes cos leóns ao comezo do Paseo da Ferradura. DÍAZ, C. (coord.) (2000): A memoria de Santiago. Vigo, p. 70.
        O conxunto da Alameda e Ferradura foron froito do impulso urbanístico da época. Supuxo un grande esforzo económico para o Concello, pero os composteláns aceptárono de bo grado pois quixeron manter este lugar de recreo para o seu proveito. De feito, foi un dos espazos de pasatempo por antonomasia para a burguesía compostelá durante o século XIX e comezos do XX así como para o pobo, aínda que separados: clérigos a un lado, as familias distinguidas por outro e o pobo e os estudantes por un terceiro. Pero as ríxidas separacións non impedían as miradas, murmurios e billetes que corrían de man en man, rompendo as barreiras e distincións sociais. Foi tamén espazo da feira de gando cada xoves, e como cada feira tradicional de Galicia, outra ocasión para a xuntanza de persoas da contorna e “rede social” onde se falaba e coñecía noticias sobre outros lugares e xentes do país.

        O ano 1885 foi, ademais de ano de grandes reformas neste enclave, o ano de edición dunha guía sobre Santiago e os seus arredores que describe o Paseo da Ferradura deste xeito:
“A Ferradura, aínda que nos pequenos obeliscos da entrada lese o nome de Boa Vista. E en verdade que é pintoresca a que se goza desde calquera punto del. Desde onde agora nos atopamos domínanse o Pico Sacro, os montes da Ulla e a estrada de Ourense. Un pouco máis adiante vese ao S. O. o convento de Conxo e os montes da Mahía, entre os que asoman os derruídos torreóns de Altamira. Continuando a nosa marcha, aparece no fondo da paisaxe o convento e barrio de San Lourenzo, ao N. O.; as fermosas fábricas de curtidos dos señores Eleizegui, o bosque de Carrete e o cuartel de Santa Isabel, no medio de hortas, prados e campos de millo, por entre os que e ao pé dos cumes do monte Pedroso descorre el río Sarela ou dos sapos, ao N.; os outeiros de Vite, que nos días de sol relocen coa roupa branca, posta a airear polas lavandeiras daquel barrio, ao N. L. Colocándonos finalmente, á entrada do paseo, ofrécese á nosa vista o interesante panorama da cidade do Apóstolo, coas torres e cúpulas das súas igrexas e cos seus grandiosos edificios, cinguida de montañas, asentada en verde alfombra e albergada polo símbolo sacratísimo da redención, que se ergue nos campanarios.
Data este fermoso paseo do ano 1853 [sic.], de tan triste recordo pola terrible miseria e fame que aflixiu Galicia. Ocorreu tan feliz idea ao axudante da biblioteca da universidade literaria D. Nicolás García Vázquez, alcalde que era entón deste concello e celoso promotor dos intereses da localidade. Ao levala a cabo en tan críticas circunstancias dispensou un grande beneficio, dando ocupación a moitos infelices que de todas estas provincias viñan a Santiago en busca de pan. E en verdade que non quedaron defraudadas as súas esperanzas. Os santiagueses todos, sen distinción de clases nin fortunas, deron probas insignes de caridade, que en ocasións levaron ata o heroísmo. O venerable prelado que ocupaba a Sé Compostelá, Emmo. señor D. Miguel García Cuesta, apurados tódolos seus recursos, vendeu ata o seu coche para remediar tanta miseria. Embeleceu despois o paseo de Boa Vista o inesquecible Marqués de Bóveda, cuxo nome adoita darse tamén a aquel apracible sitio, e desde entón case tódolos nosos municipios, incluso o dignísimo que na actualidade administra os intereses de Santiago, o veñen admirando con especial predilección. Na cima do pintoresco outeiro, cuberto de carballos e cinguido pola Ferradura, álzase a igrexa parroquial de Santa Susana.”
  
        O espazo da Ferradura e Alameda foi tamén clave no crecemento urbano de Compostela. A Exposición Rexional de 1909 supuxo un fito importante: aínda que os seus edificios caracterizados polo seu estilo art nouveu practicamente desapareceron, agás o Pavillón de Recreo Artístico e Industrial de Antonio Palacios, foi a primeira ocasión na que se efectuou o enlace entre o Paseo da Ferradura e o “Agro de Mendo”, espazo onde tivo lugar a Exposición e posteriormente se levantaron os colexios maiores universitarios. Este enlace caracterizouse, como segue a ser na actualidade, por unha escalinata monumental de estilo clasicista que logo se consolidou, constituíndo outro dos elementos arquitectónicos que se conservaron da Exposición. Grazas a este proxecto, configurouse o miradoiro sobre o actual Campus universitario, incluído no Catálogo das Paisaxes de Galicia. 

                                    Miradoiro sobre o campus sur desde o "Agro de Mendo", baixando da Alameda. 
                       http://www.turismo.gal/recurso/-/detalle/16783/mirador-do-campus-universitario?langId=es_ES
        
              Na actualidade, a superficie total da Ferradura e Alameda é de 56.087 m2, sendo dotada non soamente de riqueza arbórea (como os castiñeiros de Indias), escalinatas e ramplas, senón tamén de obras singulares como o quiosco municipal, instalado en 1896, estatuas como a dedicada a Rosalía de Castro, ou bancos de granito con respaldo de fundición da fábrica de Sargadelos. Ademais, no seu lado oriental conta co máis famoso e visitado miradoiro da catedral, onde se pode contemplar a súa fachada sobresaíndo entre o resto de monumentos do casco histórico. É o espazo por excelencia para correr, pasear ou descansar do movemento case continuo da zona vella, agás durante os principais períodos festivos de Compostela, Ascensión e Santiago, nos que recupera a súa función de espazo das celebracións do pobo.  


                              Miradoiro sobre a catedral e cidade vella no lado oriental do Paseo da Ferradura.
                                   http://www.santiagoturismo.com/miradoiros/parque-da-alameda-paseo-da-ferradura
        
             O conxunto conta cunha curiosa escultura de César Lombera coñecida como “As dúas Marías”, dando a benvida ao parque. Representa a dúas personaxes populares, Coralia e Maruxa, irmáns e costureiras de profesión que foron torturadas durante a ditadura franquista ata causarlles trastornos mentais. Desde ese momento, emprendían a diario o mesmo paso pola zona vella da cidade, lucindo vistosos vestidos e coloridas maquillaxes, intercambiando palabras cos estudantes ou mesmo algún que outro inocente tocamento. 




As dúas Marías, na Alameda, e inicio do Paseo da Ferradura ao fondo. 
http://www.santiagoturismo.es/2013/06/las-marias.html
        
                O perímetro do parque pódese recorrer comezando, por exemplo, polo Paseo dos Leóns, que arranca baixo o arco triunfal. Poucos metros despois atoparase o camiñante coa estatua do escritor Ramón del Valle-Inclán, para chegar logo ao “eucalipto dos namorados”, onde se sitúa tamén o miradoiro sobre a catedral e cidade vella. Despois de pasar pola zona de carballos e outras especies arbóreas, por diante do pombal e conxunto escultórico de dedicado a Rosalía de Castro, o camiñante irá rematando o Paseo da Ferradura contemplando a man dereita o Pavillón de Recreo Artístico e Industrial, actual gardería, e poucos metros despois o quiosco da música.


Comentarios

Entradas populares de este blog

Programa 2020

DEBUXANDO NAS PRATERÍAS- 23 de Marzo