CERVANTES
A
praza de Cervantes foi e aínda é unha das máis importantes da cidade de
Santiago. A súa situación a escasos metros da catedral e como parte do treito
final do Camiño Francés, fixo dela un espazo de paso obrigado para peregrinos e
comerciantes, e como tal un lugar de referencia para os habitantes de
Compostela desde a Idade Media. Ao longo dos séculos tivo distintas
denominacións relacionadas coas súas funcións de espazo de reunión e mercado:
“Foro”, Praza do Campo ou Praza do Pan. A colocación en 1840 da estatua do
ilustre escritor Miguel de Cervantes Saavedra (que se pode apreciar de costas
na pintura da exposición) fixo que adquirise a súa denominación actual de Praza
de Cervantes, que comeza a aparecer como tal en documentos de 1886.
O espazo desta praza estivo dentro da muralla levantada por orde do bispo
Sisnando II a mediados do século X (ano 968), para defender o Locus
Sancti Iacobi e a cidade que medraba ao seu arredor contra os ataques
normandos. A forma triangular desta praza aínda conserva o seu aire de entrada
á cidade, estreitándose cara á rúa da Acibechería.
Nos séculos XII-XIII, o proceso de planificación urbana encabezada polos
arcebispos Xelmírez ou Xoán Arias, fixo que se fora consolidando unha rede de
rúas e prazas dentro do recinto da muralla de Don Cresconio, construída a
mediados do século XI e que ampliou o espazo amurallado a unhas 20 has. O
crecemento urbano seguiu tres grandes liñas, destacando especialmente o eixo
que conducía desde a Porta do Camiño, pasando pola Praza do Campo ata a fachada
norte da catedral. Ao longo do seu percorrido recibía diversos nomes como Rúa
do Camiño ou Francíxena (actual Casas Reais), Rúa
do Campo(a actual Cervantes) e Rúa da Moeda (Acibechería)
ata rematar na Porta da Trindade da catedral. Segundo documentación da época
era tamén chamada Rúa Maior. Un segundo eixo sería o que parte de
Porta Faxeira ata Praterías, e o terceiro o que xiraba arredor de Mazarelas,
pasando por Ferreiros (Caldeirería) e Preguntoiro ata
desembocar na Praza do Campo.
A rúa do Preguntoiro e a Praza do Campo estiveron estreitamente vinculadas
desde o principio. A praza foi a primeira en actuar como espazo público
especializado da cidade, pois no século XII recibía o nome de Foro debido
a que era o lugar no que o pregoeiro facía públicas os acordos municipais e
ordenanzas arcebispais, circunstancia á que a Rúa do Preguntoiro lle
debe o seu nome (da palabra latina Preconitorium). Progresivamente,
a praza foi adquirindo función mercantil relacionada coa venda de alimentos e
mercadorías, e como praza principal de mercado era aquí onde se exhibían os
pesos e medidas oficiais polas que debían rexerse as transaccións económicas da
cidade. A importancia destas actividades víase ademais animada polo asentamento
na zona da burguesía mercantil máis acomodada, de tal xeito que o núcleo
formado polas rúas do Camiño-Campo-Moeda e anexas acollía a
residencia non só da burguesía senón tamén dos mercadores, cambiadores e
notarios, cos que se mesturaban algúns membros da fidalguía urbana como os
Moscos de Altamira.
Con todo, e a pesares da importancia do mercado de alimentos para unha cidade,
eran outros os oficios que mais caracterizaron a cidade de Santiago durante a
Idade Media, imprimíndolle o seu carácter artesanal e servindo aos peregrinos
xacobeos: albergueiros, concheiros, acibecheiros, prateiros ou cambiadores.
Todos estes oficios localizábanse sobre todo nas rúas do Camiño, do
Campo, da Moeda e nas prazas próximas á catedral. Eran frecuentes os
amaños entre estes profesionais para enganar aos seus clientes, polo que desde
época temperá establecéronse leis e sancións contra estes abusos e fraudes que
sufrían os peregrinos. Xunto coas ordenanzas deste tipo, había outras
relacionadas tamén coas actividades mercantís, como por exemplo no caso da
compravenda de carne: os carniceiros debían comprar os animais baixo a
supervisión do concello, matalos de día na praza e vender a carne nas mesas das
dúas carnicerías públicas, que se localizaban unha na Rúa do Vilar e a outra na
Praza do Campo.
As actividades mercantís e comerciais non eran, con todo, as únicas que tiñan
lugar no espazo desta praza. Como cidade do Apóstolo Santiago e punto final da
principal ruta de peregrinación medieval, non era estraño que un dos seus
principais espazos como era a praza do Campo contara con igrexa e hospital, de
tal xeito que as actividades relixiosas e asistenciais formaban parte tamén da
súa vida cotiá. O Hospital de Xerusalén situábase no lado dereito da Rúa Franxcíxena,
comezando a baixar da praza, contando con doce camas e sendo atendido por dúas
mulleres. No caso da igrexa, tratábase da de San Bieito do Campo (a súa fachada
pódese apreciar na pintura da exposición), existente xa desde o século X e
reconstruída por Xelmírez no XII. Segundo o Liber Sancti Iacobi era
unha das dez igrexas que había na cidade, e constituía unha das once parroquias
que, segundo Jerónimo del Hoyo, cóengo da Igrexa de Santiago e visitador da súa
diocese, existían en Compostela a comezos do XVII: San Andrés, San Fructuoso,
San Xoán Evanxelista, Santa María da Corticela, San Fins de Solovio, Santa
María Salomé, Santa Susana, San Miguel dos Agros, Santa María do Camiño, Santa
María do Sar e San Bieito do Campo, que recibía esta denominación por estar
situada na praza homónima. A igrexa sería levantada novamente en estilo
neoclásico por Prado Mariño a fins do século XVIII, e a pesares da súa
sinxeleza e pequeno tamaño conserva un carácter monumental acentuado polo seu
illamento na praza, pois está exenta das outras edificacións por tódolos seus
lados. Conta cunha soa nave con capelas laterais e torre central, destacando no
seu interior as tallas barrocas de santo Antonio, san Xosé e san Xoán
Bautista.
Igrexa de San Bieito do Campo coa súa fachada neoclásica. http://www.santiagoturismo.com/monumentos/igrexa-de-san-bieito-do-campo-3
A igrexa de San Bieito foi tamén o lugar de fundación e demarcación de diferentes irmandades e congregacións, como por exemplo do gremio menos de San Bartolomeu, de máis de 250 anos e composto por forneiros, pasteleiros ou cociñeiros; o gremio menor dos “tablajeros”; a confraría de Santa Apolonia, fundada na igrexa en 1669 por “cordoneiros e calceteiros”; a confraría de San Cosme e San Damián, formada por barbeiros e sabgradores e fundada no 1667; o gremio maior de San Pedro, fundado por espadeiros e armeiros hai máis de dous séculos; o gremio menor de San Mauro, fundado por “sillateiros” en 1652; ou a confraría de San Bieito, na que serven os cereiros e fundada por eles no 1663.
A igrexa de San Bieito foi tamén o lugar de fundación e demarcación de diferentes irmandades e congregacións, como por exemplo do gremio menos de San Bartolomeu, de máis de 250 anos e composto por forneiros, pasteleiros ou cociñeiros; o gremio menor dos “tablajeros”; a confraría de Santa Apolonia, fundada na igrexa en 1669 por “cordoneiros e calceteiros”; a confraría de San Cosme e San Damián, formada por barbeiros e sabgradores e fundada no 1667; o gremio maior de San Pedro, fundado por espadeiros e armeiros hai máis de dous séculos; o gremio menor de San Mauro, fundado por “sillateiros” en 1652; ou a confraría de San Bieito, na que serven os cereiros e fundada por eles no 1663.
A praza do Campo, como espazo de xuntanza comercial, relixiosa e mesmo
asistencial, contaba tamén cun elemento fundamental para os habitantes dunha
cidade: a fonte. A partires dunha Real Provisión do emperador Carlos V na que
se solicitaba información das necesidades da cidade en 1541, sabemos que a
fonte da Praza do Campo era a máis importante e a mellor situada da cidade, así
como lugar de conversa tanto para veciños como para peregrinos. Con todo, segundo
Fernán de Villar, facía xa tempo que non recibía auga e existía un preito entre
algúns veciños e o Concello polo aproveitamento que debía facerse das súas
augas sobrantes, cando as houbera. Unha información semellante ofrecía Pedro da
Ulloa, que aseguraba que facía 12-14 anos que non chegaba auga a ela, sendo
como era a fonte que estaba no medio da cidade e na parte máis conveniente e
necesaria para o servizo da cidade, especialmente en caso de incendio. Outras
testemuñas confirman a mesma información, engadindo que os canos estaban rotos,
o que confirma que a principal fonte da cidade estaba non soamente en mal
estado senón sobre todo seca nese momento.
Isto non debe levarnos ao engano de pensar que Santiago contaba con problemas
de abastecemento de auga. Mais ben o contrario: tanto veciños como forasteiros
loaban a abundante dispoñibilidade de abondosas e boas fontes, aínda que moitas
delas precisasen reparos. De feito, ao longo da Idade Moderna non se
rexistraron problemas graves de abastecemento, aínda que a fins do século XVIII
a ausencia de canalizacións de desaugue non favorecía a salubridade pública.
A necesidade de reparación non afectaba soamente ás fontes. A documentación dos
séculos XVI e XVII tamén dá conta da necesidade de reparar as rúas, pois
estaban sen empedrar e ían perdendo a capa de terra debido á frecuente choiva e
ao descorrer da auga, de tal xeito que a altura do chan chegaba a estar moito
máis baixo que a das casas nalgunhas rúas. Especialmente importante debía ser o
lousado daquelas rúas que atravesan a cidade, como a que partía da porta da
Mámoa, pasando pola Praza do Campo e chegando á porta de San Roque, ou a que ía
da porta do Camiño ata a Praza do Hospital Real (actual Obradoiro), pasando
tamén pola Praza do Campo. Estas melloras deberon agardar, pois as rúas de
Compostela non adquiriron o firme granítico ata comezos do século XX.
O feito de que dúas das principais rúas converxeran no espazo da praza do Campo
non era unha casualidade. Os textos destes séculos XVI e XVII poñían de
manifesto que, se ben a catedral constituía en moitos aspectos o centro que
articulaba Compostela, a vida civil desenvolvíase sobre todo na praza do Campo,
onde se celebraba o principal mercado e, ademais, estivo outro dos principais
edificios da cidade: a Casa Consistorial (edificio que se pode ver na pintura
da exposición).
Durante a Idade Media o concello reuníase nalgunha praza pública e
ocasionalmente no mosteiro de Antealtares. Por orde dos Reis Católicos, en 1480
abrigouse a ter un lugar fixo para as reunións, que foi establecido na
Quintana, e do que non contamos con máis datos. Alí estivo durante un século
máis ou menos, mais non agradaba a inmediata veciñanza da comunidade de San
Paio nin o feito de estar nunha zona sacra e empregada como cemiterio. Por iso
houbo querela en 1582 do Licenciado Velarde, designado pola Audiencia, contra a
Xustiza e Rexemento do Concello. Debeuse buscar unha nova Casa Consistorial, e
procedeuse á venda do solar e dos materiais en poxa pública.
Para levantar o novo consistorio, o Concello mercou en 1583 unha casa a Rodrigo
Palmero que este tiña na Praza do Campo, facendo esquina coa rúa do
Preguntoiro, por 736 ducados. Esta nova Casa Consistorial foi posteriormente
obxecto de obras en 1686, coa construción de medianas, vans, cornixa, gárgolas
e tres escudos coas armas da cidade (dos que non se conserva vestixio algún),
comprendéndose en ditas obras “dos caxas embebidas en la pared de cantería,
para poner en ellas las sillas de los Señores Alcaldes”. No Consistorio
acordouse repoñer ditas cadeiras por outras en 1690, “de madera de nogal con
buena disposición”. Estas cadeiras conserváronse ata o ano 1891 no pazo
municipal, e foron case os únicos obxectos que se conservaron da antiga Casa
Consistorial. O 20 de xullo de 1891 pasaron en calidade de depósito ao museo da
Sociedade Económica.
O reducido tamaño das súas dependencias e as malas condicións das cárceres
segrar e eclesiástica na praza do Hospital, moveron ao Concello a erixir un
edificio no mesmo lugar que estas ocupaban, e que posteriormente sería o Pazo
de Raxoi. Deste xeito, a Casa Consistorial estivo na praza do Campo desde 1583
ata o 30 de xuño de 1787.
Hoxe en día é o único edificio municipal barroco que se conservou intacto en
Galicia, e unha restauración interior permitiu identificar as antigas
escribanías, o oratorio, o arquivo e os calabozos.
Ademais de todas estas funcións xa comentadas, a praza
do Campo foi contexto aínda de máis actividades, amosando unha vez máis a súa
importancia capital na vida pública compostelá. Sábese, por exemplo, que se
chegaron a realizar autos de fe e que nela estivo situado ata 1570 a columna
arredor da cal se impartía xustiza e onde estaba o patíbulo. Esta columna pasou
posteriormente á carballeira de Santa Susana, de onde desapareceu no século
XIX. Ademais disto, a Praza do Campo foi ocasionalmente lugar de celebración de
corridas de touros polo San Xoán (o espazo no que tiñan lugar normalmente era a
Praza do Obradoiro) e, por suposto, lugar de paso de procesións e mesmo
comitivas en vodas reais e outras festividades e celebracións.Plano da cidade de Santiago de 1595, conservado no arquivo de Simancas. Pódese apreciar a praza do Campo no corazón da cidade amurallada, coa igrexa de San Bieito, a Casa do Concello e a rúa do Preguntoiro.
https://upload.wikimedia.org/wikipedia/commons/8/87/Plano_Santiago._1595._Archivo_General_de_Simancas._MPD%2C_34%2C_21.JPG
Chegado o século XIX, a praza aínda conservaba o seu carácter de espazo de mercado. De feito, foi este o motivo de que tamén fora coñecida como “Praza do Pan”, xa que era unha das mercadorías que máis se vendían nela. Non era, con todo, o único lugar de venda de produtos, pois tamén había mercado na Praza do Mercado Vello (actual Mazarelos), na da Pescadería Vella (próxima a Santo Agostiño) ou na das Carnicerías (Antealtares), así como noutras rúas onde había postos de venda. Estes pequenos establecementos, en ocasións simples casetas, constituían unha parte dos ingresos que percibía o concello, xunto coas portas da cidade, o forno ou a cárcere.
Nin a Praza do Pan ou do Campo nin a súa contorna perderon por completo o seu
carácter mercantil ao longo deste século. Aínda a comezos do XX a división
funcional dos barrios era manifesta, de tal xeito que as actividades comerciais
se concentraban arredor desta praza coas súas arterias do Preguntoiro e
Caldereiría, Acibechería e Casas Reais. E tamén conservaba este carácter desde
o punto de vista residencial, pois neste reducido espazo urbano tiñan a súa
residencia, por exemplo, os quince principais comerciantes da cidade, segundo
matrícula comercial e industrial de 1893.
Con todo, e a pesares desta longa tradición e carácter como espazo de mercado,
a progresiva chegada da modernidade e mellora do benestar supuxeron un cambio
fundamental cando en 1870 decidiuse concentrar os mercados nun edificio propio
e dedicado en exclusiva a esa función. Estas construcións foron levantadas no
lugar onde aínda permanecen, na Praza de Abastos, o que supuxo que a praza fora
perdendo paulatinamente o seu carácter de mercado.
Unha mostra da perda deste carácter de mercado foi tamén o feito de que a praza
cambiara o seu nome, debido principalmente á reforma da súa fonte. Entre 1838 e
1842 esta sufriu unha total transformación. En 1840 colocouse o pío e
engadíronse unhas inscricións douradas e catro floróns pintados. E xa en 1842
presidía a praza a columna e busto de Cervantes, dentro da propia fonte.
Posteriormente desapareceron as inscricións e outros ornatos para quedar
reducida ao pío circular que alberga no seu interior a columna e busto de
Cervantes, motivo polo cal a praza pasou a ser chamada, como na actualidade,
Praza de Cervantes, aínda que esta nomenclatura non aparecería nos documentos
ata 1886.
Xente recollendo auga na fonte de Cervantes a comezos do século XX. https://www.pinterest.es/ricardoirimia/compostela/
Contamos con algunha descrición do momento que xa nos confirman a presenza do busto do escritor así como a progresiva perda de función mercantil da praza, aínda que mantendo a súa importancia na vida pública de Compostela. Así describía este espazo José María Fernández Sánchez na súa guía de Santiago de 1885:
“Praza
de Cervantes, dita tamén de san Bieito e do Pan porque alí despachábase
antigamente este produto. O primeiro deses nomes recibiuno do busto do Príncipe
dos enxeños, colocado enriba dunha columna, que adorna a fonte. A praza de
Cervantes coa rúa da Acibechería, que vai cara u oeste, e a do Preguntoiro,
cara o mediodía, constitúen un dos principais centros, senón o principal, do
movemento e da vida de Santiago.
Ao
norte da praza, cuxo lado setentrional, como o plano indica, ten edificios con
soportais, chama a atención a casa dos Sres. Pérez Sáenz, adiñeirados
banqueiros desta poboación, que gozan de crédito ben merecido en España e o
estranxeiro. É un precioso monumento que os capiteis, ventás oxivais e cornixa
autorízannos a remontar ao século XIV. Ao leste álzase a igrexa parroquial de
San
Bieito,
da que tamén toma o nome esta praza. Nada conserva da fábrica de Xelmírez, que,
como lemos na Historia Compostelana, reedificouna desde as bases. O
templo no estado no que se atopa o moderno, case dos nosos días, e de estilo greco-romano,
que non carece de elegancia. A pesares das súas reducidas dimensións, ten nove
altares, cuxas efixies, por norma xeral, merecen ser contadas entre as boas de
Santiago. Debemos facer especial mención da que representa a san Mauro, no seu
propio altar, e dun grande Crucifixo de marfil que hai noutro. Tamén hai
algunhas pinturas regulares en lenzo e táboa.
Mais
o monumento máis interesante de S. Bieito é un grupo de escultura bizantina que
se ve no primeiro altar da esquerda, segundo se entra. Representa a Adoración
dos Reis. Unha das personaxes que adora ao Neno Xesús viste capa pluvial. Ás
das criaturas da terra xuntan o tributo de adoración os anxos, que desde as
alturas contemplan aquela tenra escena. Probablemente data esta obra do século
XII, e sería un dos monumentos que adornaban a igrexa construída por Xelmírez.
Debaixo
hai unha belísima táboa que representa a Natividade do Señor e a Adoración dos
Pastores. Un destes leva hábito franciscano, e algunha pastora podería tomarse
por retrato dunha dama da corte de Francisco I. No alto vese un anxo que nunha
banda leva escritas as palabras coas que foi anunciada a Boa Nova aos
afortunados pastores de Belén, Gloria in excelsis Deo.
Entre
o primeiro e o segundo altar da dereita hai un alto relevo gótico, que
representa a Visitación da Virxe á súa prima Santa Isabel. Nun tarxetón lense
as palabras de asombro que pronunciou a Nai do Bautista ao ver na súa casa á
bendita Muller que levaba nas súas purísimas entrañas ao Redentor do
mundo: Et unde hoc michi et veniat Mater Domini mei ad me? O
nicho conopiado e os caracteres góticos da inscrición autorízannos a referir
este relevo ao século XV.
Ao
sur da praza de Cervantes e case fronte ao monumento do Manco inmortal ábrese a
rúa de
O
Preguntoiro,
que sabemos xa é un dos principais centros de comercio e vida de Santiago, e
sen dúbida ningunha o punto máis transitado da poboación. Á tardiña e primeiras
horas da noite a concorrencia é inmensa e o paso, polo mesmo, lento e
dificultoso. O caserío é por norma xeral moi bo, e os perpiaños das fachadas e
os escudos e emblemas que ostentan acreditan ben o nobilísimo liñaxe da cidade
do Apóstolo. Só citaremos, entre outras, as de García Pan, Brandeso, Maza e
Sal.
Deixando
á esquerda esta rúa e dirixíndonos cara o oeste, chama a atención o nome de Xerusalén,
dado a unha estreita, tortuosa e sucia rúa que se abre ao norte, onde rematan
os soportais, e une a praza de Cervantes, que alí remata, coa de san Miguel.
Aquel nome esperta na mente un mundo de recordos, os recordos máis gloriosos de
Compostela, cando viñan a prostrarse ante o sepulcro do santo Patrón das
Españas peregrinos das comarcas máis afastadas do Oriente, sen excluír os da
Cidade Santa, que se albergaban no hospital de Xerusalén ou dos
Armenios, que subsistiu durante longos séculos, case desde o descubrimento
das reliquias do Apóstolo, no lugar que ocupan as primeiras casas da rúa, á
esquerda, entrando por aquí, e dan tamén por conseguinte á da Troia, paralela a
esta. Na capela do hospital podían escoitar os santiagueses o santo sacrificio
da misa nos diferentes ritos orientais, principalmente segundo a liturxia
armenia. O hospital era de padroado do cabido metropolitano, que, tendo
comezado a ser moito menos frecuentes as peregrinacións daquela parte do mundo,
pechouno (1525), incorporando as súas rendas ao suntuoso que non hai moitos
anos fundaran os Reis Católicos.”
A praza de Cervantes a finais do século XIX. COSTA, P. y MORENAS, J. (1989): 1850-Santiago de Compostela-1950. Desenvolvemento urbano. Outra Arquitectura. Santiago de Compostela, p. 131.
A praza de Cervantes a finais do século XIX. COSTA, P. y MORENAS, J. (1989): 1850-Santiago de Compostela-1950. Desenvolvemento urbano. Outra Arquitectura. Santiago de Compostela, p. 131.
Así se vía a praza de Cervantes a finais do século XIX, e a realidade é que conservou gran parte desta estampa; a maioría de edificios e casas desta praza non cambiaron demasiado co paso do tempo, polo menos no último século. Deste xeito, conta este espazo con casas barrocas como a antiga Casa do Concello (nº 1 da rúa do Preguntoiro) e casas clasicistas e edificios eclécticos dos séculos XIX e comezos do XX que aínda se manteñen aportando singularidade á praza. A convivencia de estilos é algo característico desta praza e da cidade de Santiago en xeral, constituíndo un destacado exemplo entre os núcleos de Europa que contan cun bo e compacto conxunto monumental.
Na actualidade, a praza de Cervantes segue a ser un dos espazos arredor dos
cales xira a vida cotiá, tanto diúrna como nocturna, dos habitantes,
estudantes, peregrinos e visitantes de Santiago. Lugar onde quedar, a escasos
metros da catedral e no Camiño Francés; para tomar algo nas súas terrazas ou
mercar nalgunha das súas numerosas tendas, gozando do ambiente; ou mesmo para chancear
con todos aqueles que tratan de atoparlle os pés a Miguel de Cervantes e levan
unha pequena molladura como recompensa.
Comentarios
Publicar un comentario