O PROXECTO
SANTIAGO PINTADO
pretende contaxiar aos rapaces o pracer de debuxar do natural, algo que
lles encanta mentres son pequenos, pero que tristemente pérdese a medida que medran,
normalmente por falta de motivación, porque non se aprende na maioría das
escolas, por vergoña a debuxar diante da xente, por medo a non facelo ben...
Pensamos con optimismo que isto pode cambiar, que podemos devolverlles esa
ilusión por ter os lápis de cores nas mans, só fai falla un pouco de motivación
nas aulas, darlles unhas nocións moi básicas e facilitarlles a experiencia de
vez en cando para que tras esta vivencia positiva teñan gañas de repetir de
maneira individual.
Como segundo obxectivo
pretendemos abrir o apetito polo coñecemento da Historia de Compostela,
asomar os nenos ás anécdotas, para que gocen de moitas das historias que os
propios santiagueses ás veces non sabemos, acadando que teñan curiosidade por
saber o que se atopa tras os nosos edificios centenarios.
Pretendemos conseguir que
sexan conscientes da sorte de vivir nunha cidade con tanta cultura e tradición,
que entendan que 'Cidade Patrimonio' non é só un título, que lles queda moito
por descubrir.
A través deste portal, abarcaranse
distintos puntos de análise como o histórico, o artístico, ou o estético. Os cadros
e bosquexos servirán de escusa, pois tomando a cidade de Santiago como eixo
temático, intentarase reflexar, a través dos seus edificios, unha visión
diferente das xa manidas fotos dos soportais e a pedra mollada. A intención é
ofrecer un novo enfoque que resalte lugares que normalmente pasan
desapercibidos, devolvéndolles o seu protagonismo perdido.
Estades invitad@s a
continuar este proxecto, debuxando na rúa e investigando a Historia de cada sitio.
Compartiremos aquí todas as aportacións, intercambiando experiencias,
aprendendo e gozando do traballo dos demais. Só tedes que contactar en isabelreysastre@gmail.com
ou no 616.871.886
Comentarios
Publicar un comentario